Castro de Rei organiza unha xornada formativa para apoiar ás persoas coidadoras o 9 de abril

O Concello de Castro de Rei acollerá o vindeiro 9 de abril a actividade formativa Coidando á persoa coidadora, unha sesión dirixida a familiares e persoas que prestan atención continuada a dependentes co obxectivo de mellorar o seu benestar físico e emocional. A xornada desenvolverase entre as 16.30 e as 20.00 horas no Centro Cívico do Matodoso.
A iniciativa céntrase na importancia do autocoidado de quen coida e abordará o proceso de axuda, a preparación previa para asumir tarefas asistenciais, así como as consecuencias que os coidados poden ter na saúde da persoa coidadora. Ademais, trataranse dinámicas prácticas para o autocoidado e técnicas para o manexo das emocións e do estrés, aspectos considerados clave para previr o esgotamento e a sobrecarga.
A formación estará impartida por Marichel Costas Manzanares, enfermeira da EOXI da Coruña vinculada á Escola Galega de Saúde para Cidadáns, quen conta con experiencia en educación sanitaria e apoio a familias coidadoras.
As inscricións deberán realizarse antes do 3 de abril a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, mediante correo electrónico en prevenciondrogasarabade.org ou por teléfono no 982 390 062, contacto correspondente a María Barreiro. Tamén se habilitou un formulario en liña accesible mediante código QR.
A actividade conta coa colaboración da Asociación da Veciñanza San Isidro de Matodoso e o apoio institucional de diferentes concellos da contorna e da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, dentro das accións de promoción da saúde comunitaria e prevención da sobrecarga nas persoas coidadoras.