Castro de Rei presenta a súa programación de Nadal 2025 con obradoiros e excursións

O Concello de Castro de Rei vén de anunciar a programación especial para o Nadal 2025, cun amplo abano de actividades gratuítas dirixidas a público infantil e familiar, tanto na capitalidade como en Castro Ribeiras de Lea. Todas as propostas, que inclúen obradoiros creativos e unha excursión, requiren inscrición previa.
En Castro de Rei, o primeiro obradoiro será o de adornos de Nadal, previsto para o 22 de decembro en horario de 11:30 a 13:00 horas. A programación continuará o día 26 coa elaboración dunha postal navideña, tamén de 11:30 a 13:00. O 29 de decembro será a quenda do obradoiro de coroas de Nadal, no mesmo horario.
Pola súa banda, Castro Ribeiras de Lea acollerá igualmente tres obradoiros. O de adornos de Nadal terá lugar tamén o 22 de decembro entre as 17:00 e as 18:30 horas. O día 26 celebrarase o obradoiro de postal navideña, e o 30, o de coroas de Nadal, ambos no mesmo horario de tarde.
A programación completarase cunha excursión a Xuvenlugo o 2 de xaneiro. O horario inclúe a recollida en Castro de Rei ás 15:45 horas e en Castro Ribeiras de Lea ás 16:00. O regreso está previsto para as 21:00 en Ribeiras de Lea e ás 21:15 en Castro de Rei.
Desde o Concello destacan que esta oferta pretende fomentar a creatividade, a convivencia e o espírito festivo entre a veciñanza, facilitando alternativas de lecer saudable durante as vacacións de Nadal.