Castro de Rei: Ruta do Azúmara
Este roteiro chairego atravesa zonas de monte e de bosque autóctono á beira de vellos muíños e singulares pasarelas
Esta é unha senda lineal que se percorre máis facilmente comezando dende o Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, circunstancia que debe ser aproveitada para visitar unha das referencias da vida castrexa en Galicia.
Este roteiro, aberto e sinalizado desde xuño de 1998, atravesa zonas de monte ata subir ao Cordal e despois vai polas beiras do río Azúmara (do que toma o seu nome), a lado de vellos muíños e singulares pasarelas entre outras mostras de arquitectura popular, nunha contorna onde aínda é posible gozar da vexetación autóctona galega.
Dende o museo, descéndese gozando dunha espectacular panorámica da Terra Chá; pouco a pouco o bosque de bidueiros e ameneiros cubriranos ata chegar ao Lugar de Monelos, onde poderemos contemplar un fenomenal conxunto de arquitectura civil composto polo Pazo de Fontexón, a casa anexa e o muíño, estes últimos exquisitamente restaurados.
Sen esquecer, a escasos metros da ruta, a igrexa de San Xoán de Azúmara. Continuando polo curso do río Azúmara chegaremos á antiga mina de arsénico. Segundo contan os veciños, a extracción deste metal tóxico supuxo nos anos 40 un importante complemento para a economía local. Ademais da boca da mina, aínda pode verse, paralelo ao noso sendeiro, unha longa e profunda canle que conducía auga ata a mina.
E seguindo o tranquilo descenso do río chegaremos ata o final do camiño na área recreativa á entrada do pobo de Castro de Rei, onde se recibe ao camiñante noutra paraxe singular.