Castro de Rei instalará 80 contedores marróns para a reciclaxe de refugallos para compostaxe
O Concello de Castro de Rei sumarase ao proxecto de implantación da recollida separada de bioresiduos para o que vén de recibir unha subvención de 13.239 euros repartidos en dúas anualidades, a primera de 10.503 neste ano 2022 e a segunda, que será o ano vén ten 2.646 euros de concesión.
O custe do proxecto é de 7.799,10 euros, explicou o alcalde, Francisco Balado. Nesta primeira quenda chegarán ao Concello un total de 80 contedores marróns, só para residuos orgánicos "co obxectivo de ir implantando esta recollida separada, é difícil pero primeiro hai que ir concienciando á xente, para que faga esta separación e pouco a pouco ir traballando", explicou.
Explicou Balado que veñen de rematar coa entrega de composteiros pero non notamos unha gran redución no volume de lixo recollido. De cara ao próximo ano seguiremos a estudar este dato "porque ten que ser a empresa a que nos faga ese estudo".
A gran maioría de cidadáns galegos teñen asumida a separación dos residuos que xeran nas súas vivendas e a súa división en catro grandes bloques: papel e cartón, vidro, plásticos e resto de lixo, grupos que tamén se coñecen polas cores dos contedores onde se recollen: azul, verde, amarelo e gris. Con todo, aínda non está tan xeneralizado no conxunto da comunidade o cubo marrón encargado de recoller os residuos orgánicos, un procedemento que ademais debe estar garantido en todo o territorio da Unión Europea, como moi tarde, o 31 de decembro do 2023 e que busca optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e ademais impulsar a economía circular desde o ámbito local.
A implantación definitiva do contedor marrón é un dos obxectivos da estratexia autonómica, pero non o único: outro dos puntos destacados é concienciar á cidadanía da correcta eliminación de refugallos domésticos especiais, como poden ser os aceites e o material téxtil; así como a instalación de novos puntos verdes (actualmente coñecidos como puntos limpos).
A administración é consciente que a sociedade galega aínda ten que familiarizarse coa recollida separada nos fogares dos biorresiduos, é dicir, restos orgánicos da comida, como poden ser peles de froitas e verduras, cascas de ovo ou restos de carne e peixe. A súa división é clave á hora de reciclar para que esta materia entre no ciclo da economía circular segundo marca a normativa comunitaria e volva cunha nova vida, como fertilizante natural, o coñecido compost. Para iso, hai dúas opcións, segundo o modelo demográfico de cada municipio e a dispersión da poboación: a compostaxe comunitaria, que irá no contedor marrón, ou a compostaxe individual.