Castro Ribeiras de Lea acolle o II Torneo de Fútbol Base Vila de Castro en prol da igualdade

O pavillón municipal de Castro Ribeiras de Lea converterase durante catro días no epicentro do fútbol sala base coa celebración da segunda edición do Torneo Vila de Castro - García Rielo. A cita terá lugar os días 12, 13, 14 e 15 de xuño e reunirá equipos de toda a contorna nun evento que combina deporte, igualdade e convivencia.
O torneo contará con partidos desde a categoría biberón ata cadete, tanto en modalidades femininas como masculinas, incluíndo tamén equipos mixtos. Participarán clubs como Ribeira, Guitiriz, Vilalba, Burela, Cospeito, Outeiro de Rei, Monterroso e Lago As Pontes.
Máis alá da competición, esta cita deportiva pretende ser un espazo para medrar, compartir e soñar. A organización destaca o compromiso coa igualdade, o respecto, o xogo limpo e a paixón dos máis pequenos e pequenas, que serán os grandes protagonistas desta festa do deporte base.
A veciñanza está convidada a achegarse, gozar do espectáculo e apoiar un evento que busca seguir medrando ano a ano, facendo do fútbol base un exemplo de inclusión e xustiza no deporte.