Castroverde acolle a estrea do documental e libro sobre 'A Cega de Miranda'

LugoXa
Como complemento ao libro, estrearase o documental 'Morta nun castro e dona das feiras. A Cega de Miranda, derradeira xograresa'
A-cega-de-Miranda
20 Jun 2025

Este sábado 21 de xuño ás 19:00 horas, o centro sociocultural de Castroverde será o escenario da presentación do libro e do documental A Cega de Miranda, un proxecto que recupera a memoria e a traxectoria vital e artística dunha figura única na cultura galega: Dolores, veciña de Miranda durante catro décadas e natural da aldea de Peredo.

No acto, ademais do autor do libro, Ricardo Polín, estarán presentes o director do Museo de Instrumentos Musicais (CENTRAD), Luciano Pérez, e a deputada provincial de Cultura, Iria Castro.

Acompañará tamén a presentación Baldomero Iglesias ‘Mero’, fundador de Fuxan os Ventos e recoñecido musicólogo, quen destacou a importancia da homenaxe: “A Cega de Miranda é unha memoria certa de muller que loitou coa vida e contra a vida e soubo vencer coa fronte ergueita. Cómpre honrar a tan prestixiosa figura humana e social da nosa historia, tamén musical".

Como complemento ao libro, estrearase o documental Morta nun castro e dona das feiras. A Cega de Miranda, derradeira xograresa, con guión de Polín e montaxe de Luz María Durán. O audiovisual, dunha hora de duración, percorre a vida desta muller invidente considerada a última representante da tradición xograresca medieval galega, un legado que revive agora grazas a esta obra editada por Tris Tram coa colaboración da Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.16960191726685