Castroverde acolle a proxección de 'Prefiro condenarme' coa presenza da directora Margarita Ledo

LugoXa
A película proxectarase este domingo no CSC Paco Pestana dentro do programa cultural da Deputación de Lugo
prefiro-condenarme
8 Nov 2025

O Centro Sociocultural Paco Pestana de Castroverde acollerá este domingo 9 de novembro ás 19:00 horas a proxección da película Prefiro condenarme, coa presenza da súa directora, Margarita Ledo Andión. A actividade está organizada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coa colaboración do Concello de Castroverde.

O filme, dirixido pola recoñecida cineasta galega, chega a Castroverde despois da súa destacada traxectoria por festivais internacionais como o DocLisboa, o Festival de Sevilla —onde recibiu a mención especial do xurado— e o Locarno Film Festival, no apartado Locarno Pro First Look. A proxección permitirá ao público conversar coa directora sobre o proceso creativo e as temáticas da obra, que continúa a liña de cinema comprometido e reflexivo que caracteriza a Ledo.

A iniciativa enmárcase no programa cultural que impulsa a Deputación de Lugo para descentralizar a oferta audiovisual e achegar o cinema galego contemporáneo aos concellos da provincia, fomentando así o diálogo entre creadoras e público.

⚙ Configurar cookies
0.07711386680603