Castroverde acolle o espectáculo “50” do Mago Antón polo seu medio século no ilusionismo

LugoXa
A función gratuíta no Magomóbil ofrecerá cinco pases este sábado na Praza do Concello
espectáculo-50-Mago-Antón
10 Apr 2026

Castroverde converterase este sábado 11 de abril nun punto de encontro para a maxia coa chegada do espectáculo “50”, co que o Mago Antón celebra os seus cincuenta anos de traxectoria no mundo do ilusionismo. A proposta chega da man da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, que impulsa esta iniciativa dentro da súa programación cultural.

A función desenvolverase no Magomóbil, un espazo singular que acollerá unha montaxe na que se mesturan números de maxia de preto con grandes clásicos do repertorio do artista. O espectáculo inclúe tamén a proxección de contidos audiovisuais que repasan momentos destacados da súa carreira, así como episodios memorables e o seu coñecido personaxe de ventriloquía, Facundo.

O Magomóbil estará instalado na Praza do Concello, onde se realizarán cinco sesións ao longo da xornada, concretamente ás 12:30, 17:00, 18:30, 20:00 e 21:30 horas. A entrada será gratuíta e o acceso realizarase por orde de chegada ata completar a capacidade.

Esta actuación forma parte da liña de traballo da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, que aposta por levar propostas culturais e de lecer a distintos puntos da provincia, en colaboración con concellos e colectivos, ao tempo que promove a creación en lingua galega.

A deputada de Cultura, Iria Castro, salientou a importancia desta cita, subliñando a especial relevancia de levar o espectáculo a Castroverde, lugar de nacemento do Mago Antón, a quen definiu como un dos grandes referentes do ilusionismo galego e pioneiro no uso do galego neste ámbito. Ademais, animou á veciñanza a asistir e gozar da proposta.

A xira do espectáculo continuará nos vindeiros meses por outros municipios da provincia, con paradas previstas en Pantón, Riotorto, Muras e Burela.

0.12329697608948