Castroverde acolle unha xornada formativa sobre benestar e bo trato no ámbito educativo

O CPI Plurilingüe de Castroverde celebrará o 24 de xaneiro unha xornada formativa centrada no benestar e no bo trato baixo o lema Coidarnos e coidar, unha iniciativa dirixida a nais e pais, avoas e avós, outros familiares, persoas responsables, colaboradoras de comedor e profesorado. A actividade terá lugar no salón de actos do centro e contará coa participación de Nélida Zaitegi de Miguel, unha das figuras máis recoñecidas no ámbito da convivencia escolar.
Nélida Zaitegi foi inspectora de Educación e responsable de programas de innovación no País Vasco, presidenta do Consello Escolar de Euskadi desde 2017, vicepresidenta de Convives e directora das súas revistas, ademais de coordinar o contrato-programa. A súa traxectoria está especialmente vencellada á promoción da convivencia positiva, á prevención do acoso escolar, á coeducación e á formación do profesorado, recoñecementos entre os que destaca a Encomenda da Orde Civil de Alfonso X o Sabio.
O obxectivo principal da xornada é mellorar o benestar e o bo trato nas relacións coas fillas e fillos, co alumnado e na colaboración entre a familia e a escola. A programación comezará ás 9:30 horas cunha primeira sesión formativa ata as 11:30 horas, seguida dun descanso entre as 11:30 e as 12:00 horas con café, empanada e doces. A formación retomarase entre as 12:00 e as 14:00 horas.
A organización confirmou que haberá servizo de gardería para deixar as nenas e nenos de calquera idade. As inscricións deberán realizarse antes do martes 20 de xaneiro, indicando se será necesario este servizo, ben por teléfono no 982870175 ou por correo electrónico no enderezo cpi.castroverde@edu.xunta.gal.
.