Castroverde amplía o campo da festa e estrea unha nova pasarela peonil

O Concello de Castroverde vén de completar a ampliación do seu campo da festa, tras adquirir dúas parcelas situadas nas inmediacións do recinto actual e realizar os traballos necesarios para mellorar a accesibilidade e funcionalidade do espazo.
A operación supuxo un investimento total de 83.000 euros, repartidos entre a compra das fincas —25.000 e 28.000 euros, respectivamente— e os 30.000 euros destinados ao acondicionamento e integración das mesmas.
Coa ampliación do campo da festa, o municipio busca ofrecer mellores condicións para a celebración dos distintos eventos lúdicos e sociais que teñen lugar ao longo do ano, garantindo un espazo máis amplo, cómodo e seguro para a veciñanza e para quen visite Castroverde nas datas sinaladas do seu calendario festivo.
Ademais, o Concello vén de rematar tamén a construción dunha nova pasarela peonil que conecta a zona do Cortés co Centro Gandeiro, unha infraestrutura que facilita o acceso ao recinto da feira e mellora a mobilidade na contorna. Xa en funcionamento, a nova pasarela permitirá un tránsito máis seguro e fluído durante os días de feira e nas principais celebracións do municipio.
Estas actuacións forman parte do compromiso do goberno local por mellorar os espazos públicos, favorecer a accesibilidade e poñer en valor as tradicións e festas populares, contribuíndo a crear un ambiente máis acolledor e funcional tanto para os residentes como para as persoas visitantes.