Castroverde celebra a Semana Santa 2025 con procesións, concertos e actos litúrxicos

O Concello de Castroverde celebrará a Semana Santa 2025 entre os días 12 e 20 de abril, cun programa de actividades relixiosas e culturais organizadas pola Unidade Pastoral de Castroverde, en colaboración co Concello de Castroverde e a Xunta de Galicia.
A programación comezará esta tarde de sábado, 12 de abril, cun concerto titulado 'Unha historia esperanzadora', que terá lugar ás 19:30 horas na igrexa de Castroverde, a cargo do grupo Zuncurrundullo.
As actividades continuarán o domingo 13 de abril, Domingo de Ramos, con varios actos litúrxicos. Todo comezará ás 11:00 horas coa bendición e misa en Sampaio e en Riomol; ás 12:00 horas será a saída da procesión desde o albergue municipal; e ás 12:30 horas terá lugar a bendición de Ramos xunto á Residencia, rematando ás 13:00 horas coa misa no local social Paco Pestana.
A procesión percorrerá a Avenida Rosalía de Castro, e en caso de choiva, as actividades comezarán directamente ás 12:00 horas no local social Paco Pestana.
Con esta programación, Castroverde súmase ás celebracións da Semana Santa cunha proposta que une tradición, fe e cultura, convidando tanto a veciños como a visitantes a participar nos actos previstos.