Castroverde celebra as festas do Santiago Apóstolo con música, gastronomía e tradición popular

LugoXa
O programa inclúe orquestras como Olympus ou El Combo Dominicano, o concerto de Xabier Díaz e degustacións de marisco da campaña Galicia Sabe AMAR
Festas-do-Apostolo-Castroverde-2025
21 Jul 2025

Castroverde prepárase para vivir as súas festas patronais na honra ao Santiago Apóstolo cunha programación que se desenvolverá do 23 ao 26 de xullo e que foi presentada recentemente polos membros da comisión organizadora. O cartel combina música, gastronomía, tradición e actividades para todos os públicos.

Entre os pratos fortes destacan as actuacións de recoñecidas orquestras como Los Satélites, que subirán ao escenario o mércores 23; Olympus, o xoves 24; e El Combo Dominicano, o venres 25. O peche das festas correrá a cargo do músico Xabier Díaz, que ofrecerá un concerto o sábado 26 de xullo. Ademais, durante os catro días, haberá outras formacións animando os distintos espazos da celebración.

A gastronomía tamén terá un lugar destacado coa chegada a Castroverde dunha das foodtrucks da campaña Galicia Sabe AMAR, promovida pola Consellería do Mar. O xoves 24, entre as 11:00 e as 16:00 horas, estará situada no campo da festa e ofrecerá degustacións gratuítas de tapas preparadas con peixe, marisco galego e produtos de proximidade, co obxectivo de fomentar o consumo de alimentos do mar de Galicia.

A programación completarase con propostas para os máis pequenos, foliada popular e cantos de taberna, nos que participarán agrupacións como Trasdalomba, Toxo Queimado, Os Xílgaros e Ariños do Neira, entre outras.

⚙ Configurar cookies
0.17993307113647