Castroverde celebrará do 10 ao 12 de abril a cuarta edición do seu Concurso de Tapas

O Concello de Castroverde acollerá os días 10, 11 e 12 de abril a cuarta edición do Concurso de Tapas, unha cita gastronómica xa consolidada no calendario local que reunirá a sete establecementos hostaleiros da vila cunha oferta variada e creativa para todos os públicos.
Durante tres xornadas, veciñanza e visitantes poderán degustar as elaboracións presentadas polos locais participantes, que competirán por converterse na mellor tapa desta edición. O venres 10, as propostas poderán probarse entre as 20:30 e as 23:30 horas. O sábado 11 haberá dobre quenda, de 13:00 a 15:30 horas e de 19:30 a 23:30 horas, mentres que o domingo 12 a degustación desenvolverase en horario de 13:00 a 15:30 horas.
Nesta cuarta edición participan A Lenda, coa tapa “Cerdo en terapia”; A Pociña de Muñiz, que presenta “Origen animal”; Lucio Rodinso, con “Calabocas do Nautilus”; O Camiño, que competirá con “007 Pork James Pork”; O Pendello de Moisés, coa proposta “Felipe”; Roma, que ofrecerá “Delicia del Imperio”; e Taberna Senador, que participa con “Entre ondas e fentos”.
A iniciativa está organizada polo Concello de Castroverde e conta coa colaboración da Deputación de Lugo, a asociación provincial de empresarios de hostalaría e turismo de Lugo co obxectivo de dinamizar a economía local e promover a gastronomía do municipio.