Castroverde clausura a sexta edición da ruta 4x4 Os Riladores cunha fin de semana chea de emoción e velocidade
A deputada Iria Castro foi a encargada de entregar os premios das probas de velocidade e obstáculos que se celebraron este sábado 25 e domingo 26 de xaneiro na contorna de Castroverde.
Este acto puxo o broche final á sexta edición da ruta 4x4 Os Riladores, un evento que congregou ao longo da fin de semana 170 participantes procedentes de distintos puntos de Galicia e doutros lugares de España, como Madrid, Asturias ou Castela e León.
A xornada principal celebrouse o sábado 25 de xaneiro coa tradicional ruta 4x4, que arrancou ás 8.30 horas dende o pavillón municipal A Ferrería. Nesta edición, os vehículos todoterreo e buggies percorreron preto de 120 quilómetros a través de camiños dos concellos de Castroverde, Baleira e Pol, nun trazado que combinou a beleza das paisaxes naturais coa emoción propia deste tipo de competicións.
O peche do evento tivo lugar o domingo pola mañá, a partir das 10.00 horas, cunha serie de probas de habilidade organizadas nas inmediacións do campo de fútbol Veiga do Olmo. Estes desafíos, que incluíron probas de velocidade e obstáculos, puxeron a proba a destreza dos condutores e as capacidades técnicas dos seus vehículos, ofrecendo un espectáculo cheo de adrenalina para o público asistente.
A ruta 4x4 Os Riladores de Castroverde consolidouse como unha cita imprescindible para os amantes do motor e do deporte ao aire libre, atraendo cada ano máis participantes e reforzando a proxección do municipio como destino para actividades deportivas e de lecer.
Durante a entrega de premios, Iria Castro destacou o éxito da organización e o impacto positivo do evento na dinamización da economía e do turismo local.