Castroverde culmina a adquisición plena do seu castelo tras dúas décadas de negociacións

LugoXa
O Concello poderá solicitar subvencións para iniciar a rehabilitación deste Ben de Interese Cultural
castelo-castroverde
2 Dec 2025

O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias Fernández, celebrou que o municipio conta xa coa titularidade plena do Castelo de Castroverde, un proceso que se pecha despois de case vinte anos de negociacións cos seus propietarios. No pleno celebrado o 27 de novembro de 2025, a Corporación Municipal aprobou aceptar a doazón do último titular do dominio útil que quedaba por asinar, completando así o procedemento.

A operación resultou singularmente complexa porque a propiedade estaba repartida entre tres liñaxes —as familias Fernández de la Vega, Ferreirós e Díaz-Castroverde—, o que obrigou a negociar con once herdeiros. Desde o Concello agradecen a cada un deles a súa disposición para ceder un Ben de Interese Cultural de enorme valor histórico e simbólico para Castroverde, considerado un dos elementos patrimoniais máis representativos do municipio.

Coa titularidade xa regularizada, o goberno local avanza que poderá iniciar a tramitación de distintas liñas de financiamento tanto ante o Ministerio como ante outras administracións, co obxectivo de impulsar a rehabilitación integral da fortaleza.

O executivo municipal expresa a súa “enorme satisfacción” por este logro e subliña que Castroverde “merece conservar e manter o seu patrimonio en condicións”, abrindo unha nova etapa para o futuro do castelo.

⚙ Configurar cookies
0.079613924026489