Castroverde dedicará a Paco Pestana o centro social en construción
O Concello de Castroverde acordou dedicarlle o novo centro social e multiusos que se está a contruír a Paco Pestana, fillo predilecto da localidade que faleceu en outubro de 2021.
As obras están xa moi avanzadas e esperan poder rematar as obras antes do outono. O equipamento resultante do proxecto constará de dous edificios. Un deles será o existente actualmente, máis alto e con dous andares. E o outro será un inmoble anexo, que terá planta baixa e con menos altura que o existente. Os dous estarán conectados. No interior habilitaranse locais para os colectivos do municipio, así como a biblioteca municipal e diferentes almacéns de apoio. Tamén se construirán novos aseos e un ascensor para comunicar os dous andares.
Para a execución destas obras o presidente da Deputación, José Tomén, asinou no Salón de Plenos de Castroverde co alcalde e deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias Fernández, un convenio de colaboración a través do que o ente provincial achega ao Concello 307.500€ para acometer as obras, e, ademais, a institución asumiu previamente os máis de 17.500€ do coste da redacción do proxecto técnico.