Castroverde é o escenario dunha Misión País con 35 rapaces universitarios

LugoXa
Este proxecto representa unha oportunidade valiosa para que os veciños e veciñas de Castroverde poidan descubrir da man destes mozos a vida da Igrexa
castroverde-concello
23 Jan 2025

As parroquias de Castroverde están sendo escenario dunha Misión País desde o pasado domingo e ata o próximo domingo, 26 de xaneiro, coa participación 35 rapaces universitarios.

Esta iniciativa, vinculada ao movemento católico Schoenstatt, naceu hai unha década como unha idea dun grupo de estudantes universitarios católicos. Durante unha semana ao ano, un equipo de misioneiros visita unha comunidade en España, un compromiso que se mantén durante tres anos consecutivos. Deste xeito, a experiencia que agora comeza repetirase nos dous próximos anos, cunha semana dedicada á evanxelización en cada ocasión.

Este proxecto representa unha oportunidade valiosa para que os veciños e veciñas de Castroverde poidan descubrir da man destes mozos a vida da Igrexa, achegándolles unha fe activa a través do voluntariado, a oración e o servizo altruísta cara aos demais.

Nicolás Susena, un dos párrocos da zona, destacou que esta iniciativa “é un verdadeiro agasallo de Deus. O pasado decembro este grupo de mozos chamou ás portas das nosas parroquias co desexo de compartir a súa fe connosco”.

ACTIVIDADES DOS MISIONEIROS

Durante esta semana de xaneiro, os misioneiros están a realizar diversas actividades. Polas mañás, visitan residencias de maiores, colexios e escolas infantís, ademais de colaborar na rehabilitación dalgunhas parroquias e nas actividades habituais das mesmas, como o coro ou a catequese. O sábado teñen previsto unirse á primeira etapa do Camiño de Santiago organizada conxuntamente polas parroquias de Castroverde, Meira e Sarria, onde se espera a participación de 200 peregrinos.

Pola tarde, levan a cabo unha evanxelización “porta a porta” coa imaxe da Virxe Peregrina, repartíndose en parellas para visitar os fogares das parroquias. Mentres tanto, na igrexa de Castroverde, un grupo de mozos permanece en adoración ante o Santísimo, rezando para acompañar espiritualmente aos que están en misión. As xornadas conclúen coa celebración da Eucaristía, programada para as 20:00 horas na igrexa principal.

Antes da súa despedida o domingo na misa das 13:00 horas, organizaron dúas actividades xunto aos párrocos: un partido de fútbol o venres 24 ás 17:00 horas no pavillón municipal e unha vixilia de oración o sábado 25 ás 19:30 na igrexa de Castroverde. Esta vixilia incluirá testemuños persoais, cantos polifónicos e un momento de celebración da fe para todas aquelas persoas que desexen participar.

Por outra banda, o alcalde do municipio, Xosé María Arias, xunto con varios concelleiros, ten previsto visitar aos mozos misioneiros o venres para darlles a benvida e entregarlles un agasallo como mostra de agradecemento pola súa dedicación durante estes días. Ese mesmo venres, pola mañá, o grupo de misioneiros trasladarase á Catedral para gañar o xubileu e realizar un momento de adoración ante o Santísimo Sacramento.

0.12946200370789