Castroverde impulsa a reflexión sobre a desigualdade de xénero con obradoiros coeducativos

O CPI de Castroverde acollerá os días 19, 20 e 21 de marzo unhas xornadas centradas na igualdade e na reflexión sobre a desigualdade de xénero.
A iniciativa, titulada 'Reflexións sobre a Desigualdade de Xénero', incluirá diversos obradoiros coeducativos dirixidos a fomentar a sensibilización e a educación en valores igualitarios entre o alumnado.
A actividade está organizada polo Concello de Castroverde en colaboración co espazo psicopedagóxico e socioeducativo 'Aprendemos con disciplina positiva', e conta co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o Goberno de España e o Ministerio de Igualdade.
Estes obradoiros teñen como obxectivo promover unha educación igualitaria e previr condutas discriminatorias dende idades temperás, favorecendo así a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.
Con esta programación, o Concello de Castroverde reafirma o seu compromiso coa loita contra as desigualdades e a promoción dunha convivencia baseada no respecto e na equidade entre mulleres e homes.