Castroverde impulsa medidas de conciliación co programa Madrugadores e Tardes no Cole para o curso 2025/2026

O Concello de Castroverde vén de anunciar dúas iniciativas de conciliación para o novo curso escolar 2025/2026, dirixidas ao alumnado do C.P.I. Plurilingüe da localidade.
Por unha banda, o Programa Madrugadores permitirá ás familias deixar aos nenos e nenas ao coidado de persoal especializado antes do inicio das clases. O servizo funcionará no salón de actos do centro escolar entre as 7:00 e as 9:25 horas, todos os días lectivos. O programa é de balde e o alumnado poderá levar o seu propio almorzo. As inscricións formalízanse nas oficinas municipais e terá prioridade o alumnado de familias nas que os proxenitores traballan, así como familias monoparentais. O servizo comezará o 8 de setembro.
Ademais, o Concello tamén pon en marcha o programa Tardes no Cole, que inclúe actividades deportivas, obradoiros de expresión artística, plástica, saúde e hixiene, xogos tradicionais, animación á lectura, contacontos e accións de educación en valores. As sesións desenvolveranse no propio colexio: os luns e martes de 16:15 a 18:30 horas, e os mércores e xoves de 15:25 a 18:30 horas.
Ambas iniciativas, totalmente gratuítas, contan coa colaboración do C.P.I. Plurilingüe de Castroverde, a Xunta de Galicia e a Consellería de Emprego e Igualdade, no marco do Plan Corresponsables.