Castroverde inaugura o centro multiusos Paco Pestana

LugoXa
Castroverde inaugurou o acondicionamento e ampliación do seu centro multiusos
Inauguración-do-Centro-Multiusos-de-Castroverde
Inauguración-do-Centro-Multiusos-de-Castroverde
12 Xul 2024

Castroverde inaugurou o acondicionamento e ampliación do seu centro multiusos. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Castroverde e deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, inauguraron o centro multiusos Paco Pestana acompañados por varias ducias de veciños e veciñas. Unha dotación situada detrás do centro de saúde, en pleno centro urbano do municipio, á que a institución provincial destinou 325.000 euros para convertela “nun espazo público moito máis amplo, acondicionado e versátil para desenvolver actividades culturais e de lecer de todo tipo”.

José Tomé Roca enmarcou este compromiso na política de “máxima” cooperación cos 67 concellos da provincia de Lugo “para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños e veciñas. Un compromiso importante que reforzamos cos concellos do noso rural”. Nese sentido, valorou que o centro multiusos Paco Pestana “terá un impacto enorme na vida social e cultural deste municipio” e que “axudará ademais a dinamizar o tecido asociativo de Castroverde, que por fin poderá contar cun edificio en condicións para poder levar a cabo as súas actividades”.

Lembrou o presidente que a institución achegou a metade do investimento necesario para acometer estas obras, 307.500 euros, e asumiu ademais o coste íntegro da redacción do proxecto, outros 17.500 euros. Felicitou ao alcalde, “que sempre pon primeiro aos seus veciños e veciñas á hora de asumir proxectos e pedir axuda á Deputación”, e aos familiares de Paco Pestana, presentes no acto, porque “que este centro leve o seu nome é unha bonita homenaxe a un home que viviu e representou a súa terra polo mundo”.

Pola súa banda, Xosé María Arias valorou o importante que é para Castroverde contar cun inmoble “funcional destas características, no que se poderán realizar todo tipo de actividades e ao que lle puxemos o nome de Paco Pestana coma homenaxe a este artista que viviu sempre moi ligado ao seu municipio natal”.

O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Jorge Atán, destacou o investimento da Xunta na mellora das infraestruturas rurais de Castroverde na visita ás novas instalación á oficina rural da localidade. En relación co Multiusos, esta edificación recibiu unha axuda Leader de 200.000 euros, a través do GDR 4 ADR Comarca de Lugo e xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que permitiu dotala cun amplo local de máis de 200 m² de superficie útil.

Este espazo está pensado para acoller numerosos actos de carácter sociocultural que ata o de agora non tiñan un lugar adecuado para celebrarse. Ademais, os traballos serviron tamén para acondicionar outros locais para asociacións, así como unha biblioteca municipal, unha sala de lectura e diversos almacéns de apoio. A maiores, instaláronse tamén uns aseos e un ascensor que comunica as dúas plantas do edificio.

Con respecto á oficina rural, Jorge Atán subliñou o investimento realizado pola Consellería para o seu acondicionamento xeral, que superou os 96.000 euros. Con este orzamento, realizáronse traballos de pintura en paredes e teitos, mellora térmica e da iluminación, reparación da carpintería interior e dotación dun posto de videoconferencia e de almacén.

0.11019492149353