Castroverde lembrará a Paco Pestana cunha ruta, un xantar e música

O vindeiro sábado 18 de outubro, Castroverde acollerá unha xornada de homenaxe a Paco Pestana, baixo o título “Lembrando a Paco”.
A cita, organizada pola asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Castroverde, contará cun completo programa cultural e lúdico para celebrar a figura do polifacético artista.
A actividade comezará ás 9:30 horas, cunha saída diante da Casa do Concello cara A Vacariza. Ás 10:00 horas dará inicio o Roteiro Paco Pestana, percorrido que permitirá coñecer mellor a súa pegada vital e artística.
A mediodía, ás 14:00 horas, terá lugar un xantar nun restaurante da vila. As persoas interesadas deberán confirmar asistencia antes do 14 de outubro no correo electrónico amigospatrimoniodecastroverde@gmail.com ou no teléfono 659523960.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, o Centro Sociocultural Paco Pestana acollerá a actuación musical da Rondalla Nas Ondas do Mar, que poñerá o broche final a unha xornada de lembranza e celebración.