Castroverde mellorará a mobilidade e os servizos públicos con 600.000 euros da Deputación e o Concello

A Deputación de Lugo e o Concello de Castroverde colaborarán cun investimento conxunto de 600.000 euros destinado a mellorar a mobilidade e os servizos públicos no municipio.
Cada administración achegará 300.000 euros, permitindo executar actuacións en case unha vintena de parroquias, co obxectivo de responder ás necesidades da veciñanza e mellorar a calidade de vida no rural.
O presidente provincial, José Tomé, destacou que esta nova colaboración “amosa o compromiso firme da Deputación con concellos que, como Castroverde, dispoñen de menos recursos, pero precisan mellorar e ampliar os seus servizos públicos”. Subliñou que estas actuacións “garanten a igualdade de oportunidades e contribúen a reforzar a cohesión territorial”.
O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, valorou positivamente o acordo e explicou que permitirá dar resposta a demandas veciñais “en infraestruturas fundamentais para facilitar a mobilidade e garantir servizos básicos en todas as parroquias”.
O plan contempla seis grandes liñas de actuación centradas, principalmente, na mellora de vías e accesos municipais. A intervención máis relevante será a rexeneración do firme en 14 accesos a estradas municipais, cun orzamento de 237.000 euros, beneficiando parroquias como Bolaño, Vilabade, Riomol, Masoucos, Pumarega, Furís de Abaixo, Porcín, Páramo, San Paio de Arcos, Moreira e Montecubeiro.
Ademais, investirase máis de 170.000 euros na pavimentación de zonas como O Couso, Espasande, O Latadal, Outeiro, San Paio e Moreira, onde tamén se acometerán obras de drenaxe e canalización para mellorar a seguridade viaria e evitar inundacións. Por outra banda, reservaranse preto de 50.000 euros para acondicionar o vial entre Furís de Arriba e O Latadal, así como outras actuacións en Tórdea, Espasande, Outeiro e San Xuliana.
Tamén se mellorará o acceso ao núcleo de Miranda, ampliando o gálibo, renovando o firme e poñendo en valor unha contorna próxima a unha fonte protexida, cun investimento de 50.000 euros. Outra das actuacións destacadas será a mellora do camiño agrícola da Valiña, en Montecubeiro, esencial para o acceso a parcelas agrarias e forestais.
Finalmente, a rede municipal de abastecemento de auga será ampliada ata o núcleo de Covelas, garantindo o acceso á auga potable para os seus habitantes.