Castroverde pon en marcha un servizo de consultas psicolóxicas para persoas adultas

O Concello de Castroverde anunciou a posta en marcha dun novo servizo de consultas psicolóxicas dirixido a persoas adultas que precisen apoio, orientación e acompañamento no ámbito emocional e persoal.
Esta iniciativa ofrece atención individual de carácter confidencial e profesional, cun enfoque centrado no benestar das persoas usuarias. O servizo pretende facilitar un espazo de escoita no que abordar diferentes situacións persoais, garantindo en todo momento a privacidade e o respecto.
As consultas realizaranse con cita previa e adaptaranse á demanda existente, tendo lugar no Centro Sociocultural Paco Pestana. As persoas interesadas poden solicitar información ou pedir cita a través de WhatsApp no número 699 098 802, desde onde a profesional responsable contactará posteriormente para concretar a atención.
O servizo está coordinado pola psicóloga xeral sanitaria Giulia Sacchi, colexiada e rexistrada oficialmente, quen será a encargada de prestar a atención especializada.
Desde o Concello subliñan que esta medida busca reforzar o coidado da saúde mental da veciñanza, promovendo recursos accesibles que contribúan ao benestar emocional da poboación.