Castroverde presenta o programa da Semana Santa 2026 con procesións, misas e concertos

LugoXa
As actividades desenvolveranse entre o 28 de marzo e o 5 de abril con actos relixiosos e culturais en distintos puntos do municipio
Semana-Santa-Castroverde-2025
17 Mar 2026

O municipio de Castroverde xa ten definido o programa de actividades da Semana Santa 2026, que combinará actos relixiosos tradicionais con propostas culturais e musicais ao longo de varios días. As celebracións desenvolveranse entre o 28 de marzo e o 5 de abril e contarán con procesións, misas e concertos en diferentes localizacións do concello.

O programa comezará o sábado 28 de marzo con dous concertos do músico Abraham Cupeiro en Vilabade, previstos para as 18.00 horas e as 20.30 horas.

A programación continuará o domingo 29 de marzo coa celebración do Domingo de Ramos. Ás 11.00 horas iniciarase a procesión desde o Mercado Gandeiro, seguida da bendición diante da Residencia e dunha misa no pavillón municipal de Castroverde. Ese mesmo día repetirase a proposta musical de Abraham Cupeiro con dous concertos en Vilabade, tamén ás 18.00 horas e ás 20.30 horas.

Os actos relixiosos retomaranse o mércores 1 de abril, cando ás 21.00 horas dará comezo a procesión da Cofradía Virxe do Castelo desde o albergue municipal. Tras o percorrido terá lugar unha misa na igrexa parroquial.

Xa o xoves 2 de abril, durante a misa de Castroverde prevista para as 18.30 horas, celebrarase o tradicional lavatorio dos pés, no que participarán os nenos e nenas que recibirán este ano a súa primeira comuñón.

O venres 3 de abril terá lugar outro dos actos destacados da programación, o vía crucis que comezará ás 21.00 horas na igrexa de Sampaio e que percorrerá parte do pobo.

Finalmente, o sábado 4 de abril ás 20.00 horas celebrarase a Vixilia Pascual en Vilabade. Ao remate deste acto relixioso está previsto compartir uns petiscos no local Paco Pestana, pechando así o programa de actividades desta Semana Santa en Castroverde.

0.1203510761261