Castroverde rende homenaxe a Julia Monasterio López polo seu centenario

O Concello de Castroverde rendeu homenaxe á súa veciña Julia Monasterio López con motivo do seu centenario, que celebra este 14 de marzo. A administración local quixo recoñecer a súa longa traxectoria vital cun acto no que se lle fixo entrega dunha placa conmemorativa en sinal de respecto e admiración.
Natural da parroquia de Bolaño, concretamente da casa de Gracián, Julia desenvolveu toda a súa vida ligada ao traballo no campo. Durante décadas dedicouse ás tarefas de labranza, unha actividade que marcou a súa traxectoria persoal e profesional no medio rural.
Quedou viúva hai 41 anos e na actualidade reside acompañada polo seu único fillo e por unha sobriña. A familia complétase con dous netos, que forman parte do seu entorno máis próximo.
A pesar de alcanzar os 100 anos, Julia Monasterio mantense nun bo estado físico e conserva unha memoria moi lúcida. Entre as súas afeccións destacan a lectura da prensa, seguir a programación televisiva e o coidado do xardín, actividades ás que continúa dedicando parte do seu tempo.