Castroverde repartirá 300 euros en premios co II Certame de Poesía polo Día das Letras Galegas
O Concello de Castroverde convoca o II Certame de Poesía co gallo do Día das Letras Galegas de 2022.
A finalidade do certame de poesía é fomentar o uso e o prestixio da lingua galega, así como a de dinamizar o uso escrito do galego a través da expresión artística e a creatividade. As obras deberán presentarse na modalidade literaria de poesía e deberán estar escritas de maneira íntegra en lingua galega.
Os poemas serán orixinais, inéditos e non premiados noutros certames. O tema será libre a elección das persoas participantes.
Poderán participar no certame todas as persoas de calquera idade que así o desexen.
Haberá un premio de 100 € por cada categoría. Existindo categoría infantil (ata 12 anos), categoría xuvenil (de 13 a 17 anos) e categoría adulta (de 18 anos en adiante).
Só se poderá presentar unha única obra por participante.
As obras presentaranse mecanografados por unha soa cara, con interliñado de 1,5 e formato de fonte Times New Roman, tamaño 12. A extensión máxima dependerá da categoría na que se presente, desta forma, na categoría infantil o máximo serán 40 versos, na xuvenil 60 versos e na adulta 80 versos. Non é obrigatorio que as estrofas teñan rima.
O prazo de presentación será ata o martes 17 de maio.
O xurado valorará a orixinalidade da obra, a riqueza poética, a claridade da mensaxe, o ritmo e a ortografía.
O premio terá que ser invertido en un ou varios dos establecementos do concello de Castroverde, é dicir: comercios, bares-restaurantes, hostais, casas rurais, ou de calquera outro tipo. A xustificación realizarase no concello de Castroverde presentando tickets ou facturas.