Catorce asociacións veciñais de Lugo reciben máis de 152.000 euros en axudas da Xunta

Catorce asociacións veciñais do municipio de Lugo recibiron este ano axudas da Xunta de Galicia que suman 152.200 euros, destinadas á mellora das instalacións dos seus locais sociais ou á adquisición de novo equipamento. As subvencións forman parte do Plan de acción comunitaria que impulsa a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, co obxectivo de reforzar o tecido asociativo e dinamizar a vida comunitaria.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde nun encontro organizado polo colectivo veciñal San Lázaro, do barrio da Ponte, no que se presentaron as melloras acometidas no seu local social. A agrupación beneficiouse dunha axuda de 12.000 euros coa que acometeu obras de accesibilidade, a reforma do aseo, a instalación de iluminación LED, a renovación das carpinterías exteriores e o illamento da cuberta.
Arias destacou que estas actuacións permitirán ampliar e mellorar as actividades organizadas pola asociación, que conta con preto de 500 socios e promove unha programación variada que inclúe clases de baile e ximnasia, así como xornadas audiovisuais e gastronómicas. O delegado subliñou tamén a importancia de dotar aos veciños “de locais confortables e ben equipados, que faciliten a convivencia e a vida cultural en barrios e parroquias”.
Ademais da asociación San Lázaro, tamén resultaron beneficiarias destas achegas entidades como a Asociación de Mulleres Rurais da Agra e as agrupacións veciñais de San Pedro de Labio, San Xoán de Tirimol, Gondar, Illán, Peizal-Outeiro, Ombreiro Río Miño, San Vicente do Burgo, Adai, Orbazai, barrio de San Antonio de Padua, Benade-Calbrava e Os Gatos Roxos, do barrio das Gándaras.
As axudas foron concedidas tanto para a execución de obras como para a compra de material necesario para o funcionamento diario das asociacións, contribuíndo así a fortalecer o papel destas entidades como espazos de encontro, participación e dinamización social.