Catro GDR galegos únense para impulsar o turismo interior a través dun proxecto de escape rooms temáticos

Catro Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos —Terras de Miranda, Seitura, Montes e Vales Orientais e Terra Chá, este último como entidade coordinadora— poñen en marcha un ambicioso proxecto de cooperación co obxectivo de dinamizar o turismo interior e poñer en valor o patrimonio cultural e natural dos seus territorios.
Este, que foi presentado este martes en Vilalba, xa que será a localidade onde comezará, leva por nome Xogal e consiste na creación dunha rede de escape rooms, repartidos entre os catro GDR. En total, desenvolveranse dous en Terra Chá, dous en Montes e Vales Orientais e tres en cada un dos outros dous territorios participantes, o que permitirá que os visitantes descubran as singularidades locais a través dun formato lúdico e participativo.
En alianza coa empresa especializada Skeirrum, o primeiro será o 28 de agosto ás 17:00 horas na Praza de Santa María de Vilalba. Estará ambientada na figura histórica dos Andrade, unha temática común a varios dos espazos que se proporán ao longo da campaña.
A última será o 25 de outubro, na parroquia de Gontán, no concello de Abadín. Pero tamén haberá outras seguindo este calendario:
- Vilalba. 28 de agosto. 17.00 horas
- Pontedeume. 5 de setembro. 17.30 horas
- Neda. 19 de setembro. 18.00 horas
- Mondoñedo. 20 de setembro. 16.30 horas
- Ribadeo. 27 de setembro. 11.00 horas
- Viveiro. 4 de outubro. 11.30 horas
- Navia de Suarna. 10 de outubro. 11.00 horas
- Ortigueira. 11 de. outubro. 11.00 horas
- Pedrafita. 19 de outubro. 11 horas
- Abadín. 25 de outubro. 11 horas
A participación nas actividades é gratuíta, mais será preciso inscribirse a través dunha plataforma en liña habilitada especificamente para o proxecto. As probas están pensadas para maiores de 12 anos que poden xogar en grupo e permitirán aos asistentes descubrir os recunchos máis descoñecidos de cada territorio mentres resolven enigmas e desafíos relacionados coa historia e cultura local.
Ademais da experiencia en si, o proxecto ofrece incentivos adicionais: todos os participantes que completen a proba entrarán no sorteo dunha cesta con produtos típicos das catro comarcas implicadas. Ao finalizar cada escape room, celebrarase tamén unha degustación aberta ao público, na que se poderán saborear produtos locais.
Os gañadores das diferentes edicións recibirán como premio experiencias sorpresa noutros territorios, co fin de seguir promovendo o intercambio cultural e a conexión entre zonas rurais galegas.
Con esta proposta, os GDR buscan fomentar o turismo sostible, atraer visitantes durante todo o ano e ofrecer unha alternativa innovadora de lecer vinculada ao coñecemento e ao territorio, consolidando así novas formas de dinamización rural.
Durante o acto, a alcaldesa Marta Rouco destacou a importancia de formar parte deste proxecto colectivo, “Xogal é unha proposta diferente que combina cultura, lecer e innovación, e que pon en valor o noso patrimonio dende unha perspectiva atractiva para todos os públicos.”
“Para Vilalba é un orgullo estar presente neste proxecto compartido con outros concellos, que reforza a nosa aposta por ofrecer actividades que conectan á cidadanía co territorio e coas súas raíces”, engadiu Rouco.
O programa levarase a cabo nos vindeiros días en distintos concellos galegos, cun calendario que permitirá achegar a veciños, veciñas e visitantes ás historias mellor gardadas das vilas participantes. No caso de Vilalba, a experiencia celebrarase o xoves 28 de agosto, ás 17:00 horas, cunha actividade aberta a toda a cidadanía.