Catro núcleos de Castroverde mellorarán a súa conexión grazas á Deputación
A Deputación de Lugo vén de redactar o proxecto para o arranxo do firme en máis de 11 quilómetros da estrada provincia LU-P-1201 que une varios núcleos de poboación no concello de Castroverde.
Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá serán os núcleos que verán mellorada esta infraestrutura. A está tramitando o contrato para executar as obras, coa previsión de que comecen nun prazo aproximado de tres semanas.
Os traballos teñen un orzamento de 45.000€ e afectarán ao treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 3,8 e 14,9. O proxecto inclúe a reparación de fochancas, mordentes, afundimentos e defectos similares; repavimentación de zonas degradadas e repavimentación de zonas con maior degradación.
Estas melloras son moi relevantes porque a vía dá servizo a numerosos veciños e veciñas que transitan por esta estrada a diario, así como a explotacións gandeiras e empresas da zona.
O proxecto tamén contempla melloras noutra estrada de Castroverde. Trátase da LU-P-1204, que une os núcleos de Bolaño, Bitureiro e Outeiro, no treito comprendido entre os quilómetros 4 ao 4,2.
Estímase que será necesario e suficiente o prazo dun mes para a correcta e completa execución destas obras. O resultado destes traballos vai reverter na seguridade viaria da veciñanza, ademais de beneficiar a súa comodidade ao poder circular por un firme rehabilitado sen as deterioracións que presenta actualmente a estrada polo paso do tempo.
A Deputación de Lugo ten como un dos eixos de goberno a mellora da mobilidade na provincia. Estas obras son significativas para esta comarca, xa que as actuacións redundarán directamente no obxectivo que se marca a institución de camiñar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do rural lucense.
800.000€ nesta vía
A Deputación de Lugo, con esta nova actuación, leva investido nos últimos anos máis de 800.000€ nesta estrada provincial. Unha delas foron os traballos de ensanche e mellora no tramo que une os núcleos de Coto, no Corgo, e Agustín, en Castroverde, nas que a institución provincial investiu 378.000€.
As obras afectaron a 1,5 quilómetros, e consistiron no movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical, así como o balizamento e a limpeza de cunetas.
Así mesmo, este proxecto contemplou a construción dunha nova ponte sobre o río Postigo cun marco prefabricado de 16,5 metros de lonxitude, que se atopa no quilómetro 10,3, cunha obra de fábrica de mampostería. Con esta actuación resolveuse un problema que se arrastraba dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer estas actuacións.
Con esta obra vense a diario beneficiados de maneira directa moitos veciños e veciñas, xa que a vía articula os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde, dando servizo a 7 parroquias deste último municipio.
Outra das obras que a Deputación executou nesta mesma estrada provincial, a LU-P-1201, foron as que incluíron a mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.