Catro plataformas pola defensa do territorio convocan unha manifestación en Palas contra Altri
Plataforma por unha Ulloa Viva, Plataforma Palas Viva, Arzúa Viva e Santiso Vivo convocan en Palas unha manifestación contra o proxecto de Altri. A cita, baixo o lema de "Dende a Ulloa ata a ría. Terra aire e auga son vida, Altri non será", será o 26 de maio ás 12.00 horas da mañá no polígono.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apoian e animan a toda a cidadanía a participar na manifestación. “Nestas últimas décadas grazas á organización e á mobilización social temos sido capaces de parar grandes proxectos que de seguir adiante terían un impacto tremendo no noso rural e na súa xente. Foron as veciñas as que pararon a mina de Corcoesto, Xinzo, O Suído, Touro, Terra Chá... E son tamén as redes que fomos tecendo as que teñen paralizado neste momento moitos proxectos eólicos. Fortalezámonos, defendamos o noso rural, apostemos polas actividades que crean riqueza e postos de traballo con vocación de futuro”, alenta a Responsábel na Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG, Margarida Prieto Ledo.
Aseguran que de ser construída esta macrocelulosa, a afectación máis importante recaerá sobre as actividades que están ligadas á alimentación, principalmente na agricultura, gandaría, pesca e marisqueo. No que respecta ao seu impacto na produción agropecuaria, a día de hoxe na contorna de 30 quilómetros km de afectación mínima desta industria hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos.
De feito, só nos catro concellos principalmente afectados sitúan 758 granxas con distintas orientacións produtivas, así como producións de calidade diferenciada como as albergadas no Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Arzúa-Ulloa, a DOP Queixo de Tetilla ou na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.
Galicia, territorio con menor Superficie Agraria Útil
Galicia é o territorio con menor Superficie Agraria Útil (SAU) de todo o Estado -só un 21 %, fronte á media estatal do 45,8%- e os concellos ameazados por Altri-Greenalia xa están particularmente afectados pola diminución de SAU posto que o destino dunha alta porcentaxe das terras é a forestación. Sosteñen que a aprobación dunha macrocelulosa nesta zona incrementaría o número de novas plantacións de eucalipto, entorpecendo o cambio de modelo produtivo no ámbito forestal, empeorando significativamente a escaseza de SAU, a perda de biodiversidade dos bosques, aumentando o risco de sobreexplotación para os acuíferos e zonas húmidas e agravando o risco de incendios forestais.
Estes milleiros de postos de traballo ligados á produción de alimentos en base a granxas de carácter familiar, vinculados á realización de actividades que procuran unha sostenibilidade medioambiental, estarían en perigo por mor do verquido diario de 30 millóns de litros de auga con substancias químicas e a contaminación medioambiental nun radio duns 40km. De feito, as persoas que traballan nestas granxas viven na contorna onde desenvolven a súa actividade profesional, sendo actores esenciais do mantemento dun medio rural vivo e saudábel.
“A todas luces a construción desta macrocelulosa é un proxecto que non hai xeito de xustificar, ao igual que os macropolígonos eólicos ou novas prospeccións mineiras -asevera Margarida Prieto-. Por iso o Partido Popular leva anos modificando a normativa dende a Xunta de Galicia, o ano pasado sen ir máis lonxe ca Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais. Modificando as condicións legais pretenden saltar os filtros medioambientais que terían que pasar este tipo de proxectos, para aprobalos precisamente de costas á cidadanía. Pero como sabemos que temos a razón, imos conseguir parar esta macroindustria contaminante igual que temos parado outros proxectos lesivos para a saúde das persoas e o medioambiente nos últimos anos”.