Catuxa Salom: “Cāldo simboliza a unión que se crea no rural galego a través da comida”
Por Jessica Fernández
A artista galega con raíces arxentinas, Catuxa Salom, vén de publicar o seu primeiro LP, Cāldo, un un disco conceptual que reflicte o duro espertar ao decatarse de que a vida na aldea non é idílica, tras a romantización do rural do seu EP Nunha aldea. Cāldo está cheo de emocións profundas e pon en valor o papel crucial dos coidados e a amizade como rede de apoio.
O fío condutor do álbum é a auga, símbolo das emocións humanas e da vitalidade. A auga flúe a través das cancións en forma de fervenzas, ríos, tormentas e mares, que representan a intensidade emocional nas súas múltiples facetas. Ademais, a auga asóciase co caldo, un alimento reconfortante que simboliza a calidez e o coidado: "na miña casa nunca che faltará unha cunca de caldo”.
Así, a propia artista sostén que vivir na zona da Ulla serviulle “de inspiración para crear este álbum, no que pon en valor “tecer unha rede de coidados entre nós. Eu descubrín o sentimento de comunidade que hai no rural. Cāldo simboliza esta unión a través da comida, de contar coa túa veciña que che invita á súa casa a tomar un caldo e viceversa. A miña familia é Arxentina e eu teño raíces alí, pero crieime en Vilagarcía de Arousa; logo marchei a estudar a Madrid e agora instaleime no rural de Lugo, de onde bebo inspiración para as miñas creacións”, sostén.
O estilo e as cancións do álbum
Catuxa Salom leva ao espectador a un universo sonoro único e ecléctico, no que fusiona as súas raíces indíxenas arxentinas co folclore galego, desde a aldea de Lugo que a acolle.
Instrumentos como o bombo legüero, a guitarra, o charango, a pandeireta, a voz ou o sintetizador dilúense nunha proposta rica e particular, que recolle ritmos como a muiñeira, o afrobeat, o drum and bass ou o dembow (reggaeton), e que representa á perfección o universo sonoro de Catuxa Salom: enérxico e diverso, que agroma da terra e que crece para chegar todas partes. “Quero que a xente que escoite este disco, pase unha hora e media bailando”, sostén Catuxa Salom.
A creadora, ademais, aborda cuestións universais, coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até inclúe versos en francés. Lonxe da idealización bucólica do campo, este álbum amosa cancións moito máis maduras e crúas que convidan a enfrontar a soidade, o duro inverno e a necesidade de crear conexións e redes humanas.
“Ao final”, sostén, “é buscar outra fórmula do amor romántico, xa que a túa parella non ten que ser o centro da túa vida; tamén podes tecer unha rede de amizade e de sostén con persoas que non son a túa parella, fomentar a amizade. As miñas cancións falan de estar coas amigas e desfrutar deses momentos”, comenta a artista.
Os inicios na música
Catuxa Salom sempre tivo apoio da súa familia. A pesar de que non ten familiares que sexan músicos profesionais, si que están vinculados ao amor pola familia e varios tocan instrumentos. Por iso, “eu crieime entre o folclore arxentino e o galego, a min subíanme á mesa e dicíanme “que cante Cati”. Eu sempre sentín que podía ser artista porque na miña casa nunca se escoitoi que de ser artista non se podía vivir. Eu medrei coa música e co apoio da miña familia, que é determinante para facer cousas ou non”, sostén. Con esta paixón polo mundo do artista, estudou en Madrid Interpretación, pero cansou do mundo do cine e do teatro, “farteime dese nivel de intensidade”, e comezou a tocar na rúa. Así, formou un grupo de country con outras rapazas, coas que fixo unha xira por Europa, pero na pandemia decidiu volver a Galicia e dedicarse ao que máis lle gustaba, a música. Así, naceu o LP Nunha aldea.
Catuxa leva percorrido máis de medio cento de salas de concertos e festivais de España, e compartido escenario con artistas como Rozalén, El Kanka, Terra Livre ou Sra. Tomasa, entre outros nomes. Así, o seu directo ofrece unha experiencia visual e sonora envolvente, cunha posta en escena deseñada por Javier Marimón, vestiario vangardista de Ana Surma e o acompañamento de Lucía Cortiñas e Yudit Almeida na percusión, contrabaixo e sintetizadores. No 2024 recibiu o Premio Martín Códax na categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.
Agora, espera que Cāldo teña unha boa acollida por parte do público e sostén que xa está a recibir mensaxes de persoas achegadas dándolle os parabéns por este álbum, que integra cancións en galego, francés e español. Así, di que canta en galego “porque me encanta como soa, a musicalidade da fonética galega. Ademais, estamos nun momento determinante con respecto á lingua, vexo que se aposta máis pola lingua en lugares como Cataluña e País Vasco e aquí, os que temos voz, temos que impulsar que se fale galego e que as institucións tamén se esforcen por poñer en valor a nosa lingua, porque ten unha gran riqueza e é de responsabilidade facelo”. Porén, tamén di que non se pecha a nada, que ela canta o que sinte e ás veces faino en galego, outras en francés e outras en español. Con todo, remata dicindo que agora o seu maior proxecto de futuro é “desfrutar de Cāldo e facer unha gran xira polos escenarios que dure ano ou ano e medio, e logo xa iremos vendo”.