CB Breogán e USC reforzan a súa colaboración
A USC e o CB Breogán reforzan a “dilatada e frutífera alianza” que manteñen desde hai moitos anos dúas institucións con ampla visibilidade social na provincia de Lugo a través dunha nova iniciativa colaborativa que permitirá aos membros da comunidade universitaria da USC gozar de descontos do 50% na adquisición de entradas para asistir ao partido da Liga ACB que enfrontará este xoves, a partir das 20.30 horas, no Pazo dos Deportes de Lugo, o equipo breoganista e o Unicaja Málaga.
O reitor Antonio López e o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz, fixeron este anuncio no marco dun sinxelo acto institucional no que os máximos responsables das institucións implicadas puxeron en valor as vías de colaboración activas entre ambas entidades. Díaz salientou neste senso os excelentes resultados que está a dar o programa de español para estranxeiros impartidos no Centro de Linguas Modernas da USC e a través do que varios xogadores do primeiro equipo do CB Breogán xa están familiarizados e son capaces de expresarse en castelán.
A incorporación de alumnado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas como bolseiros da entidade breoganista é outra das liñas de colaboración que está a dar bos froitos, sinalou Tito Díaz, para, de seguido, agradecer o apoio constante que recibe o equipo deportivo da súa afección, entre a que tamén se atopa unha nutrida representacion de membros da comunidade universitaria.
O reitor da USC, Antonio López, puxo en valor a “permanente dispoñibilidade do CB Breogán” para colaborar coa institución académica, ao tempo que apuntou a posibilidade de explorar nun futuro próximo a incorporación, xa a través de convenios de prácticas ou doutra índole, parea incorporar alumnado e titulados en graos como Nutrición Humana e Dietética ou mesmo Psicoloxía ás dinámicas do CB Breogán.
López lembrou asemade neste acto, no que tamén participou o delegado para Deportes da USC, Javier Rico, a forte aposta polo deporte que se está a facer desde a USC e xustificou esta decisión na convición de que “o deporte e a actividade física e deportiva consitúen un complemento axeitado da formación académica, tanto polos valores aos que se asocia co deporte, como polo enriquecemento persoal e colectivo que reporta a experiencia da competición”.