Sindicatos piden a investigación da morte dun traballador de Surexport

TerraChaXa | LugoXa
CC.OO. de Industria presentou unha demanda para que se investigue a morte dun temporeiro que tivo lugar o pasado  venres en Castro.
surexport manifestacion3
24 Ago 2021

Poucos días despois da concentración de traballadores ante a empresa Surexport polas prácticas laborais da empresa, CC.OO. de Industria presentou unha demanda para que se investigue a morte dun temporeiro que tivo lugar o pasado  venres en Castro. O sindicato estuda que este se considere un accidente laboral.

O temporeiro, de 25 anos e procedente de Rumaría, faleceu no hostal habilitado como residencia habitual e, segundo explican, tiña unhaenfermidade crónica.

Dende CC.OO afirman que o traballador sufrira xa algún episodio "que non estaba contemplado na evaluación de riscos da empresa".

"Imos presentar demanda para que se investigue tanto a avaliación de riscos, planificación dos mesmos, medidas correctoras contempladas e de existir infraccións en materia de seguridade, que se condene á empresa", din e tamén ofrecen asesoramento legal á familia.

SINDICATO LABREGO GALEGO

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego pide tamén explicacións sobre este falecemento e alega que traballadores da cooperativa relataron "varias xornadas continuadas de até 14 horas ao día con altas temperaturas, case sen auga para hidratarse, sen descanso e baixo comentarios humillantes".

Afirman que xa pasaron varios días deste gravísimo suceso, "e nin dende a empresa nin dende a Consellaría de Emprego e Igualdade, Inspección ou Ministerio de Traballo se está a proporcionar información que esclareza o acontecido". Consdieran que "existe a posibilidade de que este rapaz morrera por explotación laboral".

Afirman que as persoas que traballan para Suresport en Galicia denuncian "xornadas de ata máis de 12 horas, irregularidades no cobro das nóminas, salario inferior ao estipulado por convenio, incumprimento das condicións hixiénico-sanitarias nas instalacións da empresa, represalias e control sindical... Mentras tanto, os beneficios de Surexport ascenderon até os 6,6 millóns de euros no ano 2019".

Engaden que Surexport foi sinalada recentemente a través dunha investigación xurídica e xornalística, presentada ao Ministerio de Traballo, "na que se reportaron deficiencias nas investigacións aplicadas pola Inspección de Traballo e Seguridade Social de Huelva a esta empresa. Onte soubemos que o actual director dos departamentos de Recursos Humanos e Desenvolvemento Estratéxico en Surexport, Jesús Calvo, foi Inspector de Traballo e Seguridade Social precisamente en Huelva entre 1994 e agosto do 2018 -mes no que se pasou á empresa-".

Denuncian por tanto, "unha situación de escravitude baixo a que esta agroindustria somete ás traballadoras e traballadores na Terra Chá" e poñen como exemplo as declaracións e situacións reportadas en Andalucía, "chegando a ser expulsada do liñal de varias cadeas de supermercados debido ás súas nefastas prácticas".

Solicitan tamén "o inmediato esclarecemento por parte das administracións competentes das circunstancias nas que se produciu o falecemento desta persoa nunha das vivendas alugadas pola empresa".

0.15693402290344