CCOO acusa ao goberno local de Lugo de privatizar servizos e comprometer a estabilidade financeira

LugoXa
O sindicato critica que se avale un gasto anual de máis de medio millón de euros en mans privadas mentres se desvían fondos de persoal para actividades accesorias
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
28 Aug 2025

CCOO denunciou que o goberno local de Lugo aposta pola privatización e polo clientelismo en lugar de reforzar o emprego público.

Sinalan a decisión de entregar a xestión do Vello Cárcere a unha empresa privada cun contrato de 560.541,18 euros anuais, o que supón un incremento do 71% respecto do anterior, que ascendía a 327.878,55 euros.

O sindicato advertiu de que o valor estimado do contrato, incluído o IVE, rolda os tres millóns de euros con prórrogas e modificacións engadidas. O propio Servicio de Intervención subliñou que, aínda que existe crédito suficiente, “nada se informa respecto da repercusión do contrato nos principios de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira”.

Engadiu que este incremento “debera facernos reflexionar sobre a capacidade do Concello de Lugo de manter a súa estabilidade financeira a longo prazo, cubrindo os seus gastos sen comprometer a súa viabilidade futura”.

A maiores, tamén figura como reparo que as facturas da empresa adxudicataria actual levan sen consignarse polo Concello desde novembro de 2024, polo que “débense cartos e increméntase o gasto”, alertan desde o sindicato.

O sindicato tamén criticou que nos dous últimos meses se desviaran preto de 40.000 euros da partida destinada a cubrir vacantes de persoal municipal para financiar festexos, actividades accesorias e mesmo unha escultura en homenaxe á anterior alcaldesa.

CONTESTACIÓN DESDE A ÁREA DE CULTURA

Maite Ferreiro, responsable de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, explicou que o incremento do prezo de licitación do contrato do Vello Cárcere responde á actualización das táboas salariais do sector, aplicando o novo convenio colectivo. A edil de Cultura criticou a postura de Comisións Obreiras, ao considerar que o sindicato “quere deixar ás traballadoras e traballadores co mesmo salario que tiñan no 2018”.

Ferreiro destacou a ampla programación que ofrece cada ano o Vello Cárcere, unha instalación que só interrompe a súa actividade cinco días ao ano e que adapta de maneira continua o seu horario e servizos ás necesidades da cidadanía. A responsable municipal subliñou que o obxectivo destas medidas é garantir un mellor servizo e, ao mesmo tempo, asegurar os dereitos laborais das persoas empregadas no recinto.

O novo contrato saíu a licitación cun prezo máximo de 560.541,18 euros anuais e unha duración inicial dun ano, prorrogable ata un máximo de catro veces. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de setembro para presentar as súas ofertas.

A edil incidiu en que “é pouco habitual que un sindicato reclame para que as e os traballadores cobren menos do que lles corresponde” e lembrou que o prego se elaborou de acordo co IV Convenio Colectivo Autonómico de Eventos, Servizos e Produccións Culturais, que contempla as actualizacións salariais correspondentes.

⚙ Configurar cookies
0.079331159591675