CCOO acusa o Goberno de Lugo de malgastar fondos públicos e privatizar servizos municipais de forma encuberta

Desde CCOO Lugo denuncian a política de externalización masiva, ineficaz e prexudicial para o servizo público que está a aplicar o Goberno municipal de Lugo, conformado polo PSOE e o BNG. A actual estratexia de contratacións externas está a triplicar o gasto nun mesmo servizo, mentres se ignora deliberadamente o persoal e os medios técnicos propios do Concello.
O Concello conta cunha brigada de obras municipal plenamente operativa, con profesionais cualificados e maquinaria propia para atender con solvencia as necesidades de mantemento urbano. A pesar diso, o Goberno local continúa contratando empresas privadas para realizar os mesmos traballos, camuflando esta duplicación con nomes alternativos e discursos baleiros sobre supostas "brigadas rápidas".
En marzo de 2024, o BNG asinou un contrato de 200.000 euros cunha empresa privada para tarefas xa cubertas pola brigada municipal. Agora, o alcalde Miguel Fernández anuncia unha nova “brigada de intervención rápida”, tamén cunha empresa privada e cun gasto similar, esta vez con cargo á Deputación.
CCOO cualifica esta política como un insulto aos traballadores municipais, unha burla á cidadanía e unha irresponsabilidade na xestión do diñeiro público. Mentres se precariza e sobrecarga ao persoal, o Concello opta por privatizar de forma encuberta, eludindo a negociación colectiva e desmantelando o servizo público en beneficio de intereses alleos ao ben común.
O sindicato reclama que se amplíe a plantilla municipal e se dote aos servizos públicos dos recursos necesarios en lugar de despilfarrar fondos en contratos innecesarios. Ademais, critica a falta de coherencia dalgúns membros do Goberno, como a xefa de gabinete da Alcaldía, Olga Louzao, que no pasado denunciaba a desunión do executivo e agora valida a política actual.
Desde CCOO avisan de que non van permitir este ataque ao servizo público e tomarán as medidas necesarias para defender os dereitos do persoal municipal e a correcta xestión dos recursos públicos. Para o sindicato, a defensa do público non é un eslogan, senón unha obriga.