CCOO chama á veciñanza de Lugo a mobilizarse pola situación límite dos servizos municipais

CCOO convocar unha nova acción de protesta pola "grave situación que atravesan os servizos municipais de Lugo, marcada pola falta alarmante de persoal e a parálise organizativa".
O sindicato fai un chamamento á cidadanía a participar na recollida de sinaturas que terá lugar este mércores, 26 de xuño, entre as 9:00 e as 14:00 horas, diante do edificio administrativo do Seminario Menor, en defensa duns servizos públicos dignos e dun Lugo máis xusto.
Esta nova mobilización súmase á realizada o pasado 30 de maio diante da Casa do Concello, na Praza Maior, onde centos de persoas amosaron xa o seu malestar pola xestión municipal. Desde entón, aseguran desde CCOO, a situación non fixo máis que empeorar: "Os departamentos municipais atópanse colapsados, a atención cidadá é cada vez máis deficiente e o goberno local segue sen achegar solucións reais".
O sindicato denuncia con contundencia a incapacidade do executivo municipal para garantir o funcionamento básico do Concello, a precarización constante dos servizos públicos en favor da súa privatización —o que incrementa os custes para a cidadanía— e a falta de respecto cara ao persoal municipal, que sofre a negación de dereitos laborais básicos mentres se lle responsabiliza do caos organizativo.
Ante esta realidade, CCOO esixe unha dotación inmediata de persoal en todos os departamentos, unha planificación eficaz para garantir unha atención á cidadanía á altura do que Lugo merece, e transparencia na xestión acompañada dunha rendición clara de contas.
A central sindical lembra que a veciñanza de Lugo paga impostos para recibir servizos públicos de calidade, non para alimentar o negocio das empresas privadas. Por iso, apelan á participación cidadá como ferramenta de presión e de cambio: “Cada sinatura é un xeito de dicir ‘basta xa’ á deixadez e á improvisación”.
“Lugo merece un Concello moderno, eficiente e xusto”, conclúen desde CCOO, convencidos de que só a mobilización conxunta poderá reverter unha situación que consideran insostible.