CCOO considera "unha vitoria" que o síndrome do túnel carpiano se considere enfermidade profesional

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso interposto polo INSS e confirma a sentenza orixinal, na que a baixa da traballadora derivaba da súa actividade laboral
Síndrome Túnel Carpiano
13 Nov 2024

Comisións Obreiras (CCOO) celebra a ratificación da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que recoñece que o síndrome do túnel carpiano que padece unha traballadora afiliada a CCOO, auxiliar de axuda a domicilio, se considera enfermidade profesional.

O tribunal desestimou o recurso interposto polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e confirma a sentenza orixinal, na que se declaraba que a baixa da traballadora derivaba da súa actividade laboral e non dunha enfermidade común.

A sentenza, emitida no Recurso de suplicación 0000528/2024, establece que as tarefas repetitivas que realiza a traballadora, como o levantamento e coidado de persoas dependentes, o traslado de obxectos pesados e os labores de limpeza, esixen esforzos físicos que poden causar a síndrome do túnel carpiano, mesmo se esta enfermidade non figura no cadro de enfermidades profesionais do Real decreto 1299/2006.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia subliña que, malia a exclusión da síndrome do túnel carpiano do cadro de enfermidades profesionais para a categoría de auxiliar de axuda a domicilio, a relación de causalidade entre a patoloxía e as tarefas laborais da traballadora é clara.

A sentenza tamén pon de manifesto a perspectiva de xénero, dado que a profesión de auxiliar de axuda a domicilio está fortemente feminizada, o que implica unha discriminación indirecta ao non recoñecer a enfermidade como derivada do traballo nun sector con altos niveis de esforzo físico.

O sindicato CCOO, que representou a traballadora afiliada durante todo o proceso xudicial, destaca que esta decisión non só é unha vitoria para a traballadora, senón para todas as auxiliares de axuda a domicilio e profesionais de sectores semellantes, que se enfrontan a miúdo a enfermidades derivadas de tarefas repetitivas e posturas forzadas sen o adecuado recoñecemento das continxencias laborais.

0.18823313713074