CCOO convoca unha concentración ante o Concello de Lugo para denunciar a situación das traballadoras municipais

A Unión Comarcal de CCOO de Lugo convocou unha concentración este venres, día 6, ás 11.00 horas diante do Concello coa finalidade de denunciar o que considera unha fenda entre o discurso institucional do goberno municipal e a realidade laboral das traballadoras da administración local.
Desde o sindicato sinalan que o Concello acumula sancións da Inspección de Traballo en diferentes materias. Entre elas, destacan a ausencia dun Plan de Igualdade e situacións de precariedade laboral, unha circunstancia que consideran incompatible cos actos e xestos institucionais que se multiplican arredor do 8M. Neste sentido, CCOO asegura que resulta “inaceptable” que a administración local non dispoña deste instrumento básico para garantir a igualdade no ámbito laboral.
Ademais, o sindicato denuncia vulneracións en servizos que cualifica como críticos. Segundo explican, o Concello recibiu unha segunda sanción pola xestión dos horarios do persoal que atende a mulleres vítimas de violencia machista. Desde a organización sindical subliñan que “non se pode falar de protección ás vítimas se se vulneran os dereitos de quen as atenden. Se non se coida a quen coida, todo o demais é propaganda e incoherencia institucional e política”.
CCOO tamén sinala como grave que na Deputación de Lugo continúe unha persoa investigada pola Fiscalía por presunto acoso sexual. Para o sindicato, os principios en materia de igualdade non poden depender, segundo indican, “das matemáticas do poder nin de actividades simbólicas que non afrontan os problemas estruturais”.
Ante as declaracións do alcalde nas que afirmou que “o feminismo comeza nas institucións”, desde a organización pregúntanse que tipo de feminismo é aquel que, ao seu xuízo, incumpre a lexislación laboral básica.
Neste contexto, CCOO afirma que manterá a súa postura crítica. “Que o alcalde non nos pida estar caladas. Igual que non se pode mandar calar a unha concelleira no pleno —como aconteceu con María Reigosa ao denunciar insultos—, tampouco se pode silenciar a crítica sindical. A igualdade tamén pasa por escoitar ás mulleres cando denuncian faltas de respecto”, sinalan.
Para o sindicato, a igualdade non pode quedar nunha simple imaxe institucional, senón que debe materializarse no cumprimento da lei, na negociación e na coherencia das actuacións públicas.