CCOO convoca unha concentración en memoria dos operarios atropelados na A-8

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Será o venres, día 13, ás 12:00 diante de Demarcación de Estradas, na Rolda da Muralla de Lugo
a-8-ribadeo
11 Feb 2026

Dúas semanas despois do falecemento de dous traballadores de mantemento na A-8 ao seu paso por Guitiriz, CCOO convoca unha concentración en memoria dos compañeiros e para reclamar un reforzo efectivo das medidas de seguridade nas tarefas de conservación viaria. A mobilización celebrarase este venres, día 13, ás 12.00 horas, diante da Demarcación de Estradas, na Rolda da Muralla de Lugo.

A secretaria xeral de CCOO do Hábitat Galicia, Alejandra Gesto, subliña que o obxectivo é esixir “medidas efectivas e verificables”, lembrando que o persoal de mantemento continúa desenvolvendo o seu labor en condicións que, ao seu xuízo, implican riscos evitables. “A seguridade é un dereito, non un complemento”, afirma.

A concentración terá tamén un carácter de homenaxe e solidariedade coas familias dos traballadores falecidos, así como de recoñecemento a unha profesión esencial para o funcionamento das infraestruturas e, ao tempo, pouco visibilizada. O sindicato insiste en que ningunha actividade laboral pode xustificar a perda dunha vida e demanda unha resposta decidida por parte das administracións competentes.

Entre as reivindicacións urxentes, CCOO reclama unha avaliación real dos riscos derivados das condicións meteorolóxicas adversas, máis alá das alertas oficiais, especialmente en vías como a A-8, onde a brétema pode reducir drasticamente a visibilidade sen que sempre se active un aviso de máximo nivel. O sindicato considera necesario establecer protocolos que permitan adaptar ou suspender os traballos cando as circunstancias o aconsellen.

Tamén defende o corte total de carrís e o desvío do tráfico nas operacións de maior exposición, como o tapado de fochancas, co obxectivo de eliminar o risco de atropelo ou impacto de vehículos. Xunto a isto, solicita á DXT unha campaña específica e sostida de control da velocidade en tramos con obras, combinando vixilancia, sanción e concienciación social.

CCOO aposta ademais por incrementar o investimento no mantemento preventivo das estradas, priorizando a planificación fronte ás actuacións urxentes e con prazos axustados, que incrementan a exposición ao perigo. Do mesmo xeito, demanda unha maior supervisión por parte da Demarcación de Estradas para detectar con antelación as necesidades das vías e organizar os traballos con criterios de seguridade.

Finalmente, o sindicato reclama máis recursos para formación específica do persoal, con cursos especializados e o uso de simuladores COEX, co fin de mellorar a preparación ante situacións de risco. CCOO xa solicitou unha reunión coa Demarcación de Estradas de Galicia para trasladar formalmente este conxunto de propostas e evitar que se repitan feitos tráxicos como os acontecidos na A-8.

⚙ Configurar cookies
0.10202693939209