CCOO convoca unha recollida de sinaturas para esixir solucións ante o deterioro dos servizos públicos en Lugo

A Unión Comarcal de CCOO de Lugo convocou unha mesa de recollida de sinaturas para esixir responsabilidades ao Goberno municipal e reclamar solucións inmediatas ante o que consideran a "situación crítica que vive a administración local pola falta de persoal e unha xestión que cualifican de deficiente".
A mobilización terá lugar o mércores, 21 de maio, entre as 9:00 e as 14:00 horas, diante do edificio administrativo do Concello, en rolda da Muralla 197.
Desde a organización sindical denuncian que a escaseza de persoal nos distintos departamentos municipais está a provocar atrasos, esperas prolongadas e unha evidente caída na calidade dos servizos que recibe a cidadanía. “Toda a cidadanía de Lugo merece uns servizos públicos á altura, eficaces e ben organizados”, sinalan, ao tempo que reclaman unha dotación urxente de persoal e unha mellora na planificación interna.
Ademais, CCOO subliña que o persoal municipal “non ten a culpa desta desorganización”, e denuncia que os seus dereitos laborais están sendo vulnerados de maneira constante. A sobrecarga de traballo nos servizos esenciais está a provocar un deterioro que, advirten, xa se fai evidente para toda a veciñanza.
Entre as principais demandas figuran a transparencia na xestión municipal, a rendición de contas por parte do Goberno local e o freo á privatización de servizos públicos. “Cada vez que este Bigoberno externaliza un servizo, a cidadanía non só paga máis en impostos, senón que tamén paga o beneficio económico das empresas que os xestionan”, afirman.
A través desta recollida de sinaturas, fan un chamamento á participación da veciñanza para defender un Lugo “máis xusto, eficiente e ao servizo da cidadanía”, e lembran que os servizos públicos municipais “son a nosa gran fortaleza” e deben ser reforzados, non desmantelados.