CCOO critica que o Concello de Lugo cubra a vacante na Gregorio Sanz con alumnado en prácticas

LugoXa
O sindicato critica que a presenza de estudantes se utiliza para paliar a falta de persoal, sobrecargando ao equipo educativo e vulnerando o sentido formativo das prácticas
Gregorio-Sanz-Lugo
17 Oct 2025

CCOO vén de alertar sobre a “mala praxe” do Concello de Lugo ao obrigar á Escola Infantil Gregorio Sanz a acoller alumnado en prácticas, a pesar de que o equipo educativo comunicara por escrito a imposibilidade de facelo debido á sobrecarga de traballo e á vacante da sétima educadora, que leva máis dun ano sen cubrirse.

Segundo o sindicato, resulta especialmente grave que desde a área de Educación se impoña esta medida baixo o argumento de “transparencia e non discriminación”, cando a realidade evidencia que se está empregando alumnado en prácticas para cubrir a falta de persoal.

No propio escrito da Xefatura do Servizo de Educación recoñécese expresamente que a presenza do alumno ou alumna en prácticas “axudaría a aliviar a sobrecarga de traballo” existente na escola. Deste xeito, o Concello admite por escrito que pretende usar alumnado en formación para suplir carencias de persoal, vulnerando o verdadeiro obxectivo das prácticas e manipulando a figura do alumnado.

CCOO sinala que esta situación non só atenta contra o espírito formativo das prácticas, senón que tamén representa un risco organizativo e unha falta de respecto cara ás traballadoras. Subliñan que un alumno ou alumna en prácticas non é persoal do centro e non pode asumir funcións propias dunha educadora, senón que require acompañamento e seguimento, aumentando a carga laboral dun equipo xa desbordado pola falta de recursos humanos e pola negativa do Concello a cubrir a vacante.

O sindicato considera inadmisible que o BNG, responsable de Educación, adopte decisións unilaterais sen ter en conta o criterio das educadoras, mentres o PSOE, que xestiona Persoal, bloquea a cobertura dunha praza esencial. Como consecuencia, o servizo funciona en tensión, o profesorado está esgotado e a xestión política baséase no descoido e na imposición.

CCOO esixe ao Concello de Lugo que rectifique de inmediato, respecte a autonomía pedagóxica e organizativa da Escola Infantil Gregorio Sanz e cubra a praza vacante correspondente. “O alumnado en prácticas está para aprender, non para suplir carencias estruturais nin tapar a incompetencia política”, conclúe o sindicato.

⚙ Configurar cookies
0.082710027694702