CCOO de Lugo recolle miles de sinaturas en defensa dos servizos públicos municipais

A Unión Comarcal de CCOO de Lugo, xunto coa Sección Sindical de CCOO no Concello, deu a coñecer os resultados dunha campaña de recollida de sinaturas levada a cabo nos últimos meses entre a veciñanza da cidade. A iniciativa reuniu miles de adhesións, o que evidencia unha ampla mobilización social en defensa dos servizos públicos municipais e reflicte a preocupación da cidadanía pola calidade da xestión dos recursos públicos.
Entre as principais reivindicacións recollidas destacan a oposición á privatización dos servizos municipais, a garantía dos dereitos laborais do persoal do Concello e a dotación suficiente de medios humanos e materiais en todas as dependencias municipais para asegurar unha prestación eficaz e de calidade. Segundo CCOO, a cidadanía demanda que os recursos públicos se xestionen de forma responsable, transparente e orientada ao reforzo dos servizos públicos, e non á súa debilitación.
O sindicato tamén destacou que o alcalde asumiu persoalmente este compromiso asinando as demandas, un xesto que CCOO valorou como un acto de coherencia e responsabilidade institucional. Desde o sindicato instan agora á Alcaldía e ao Goberno municipal a dar unha resposta clara e decidida, e reafirman o seu compromiso co diálogo, dispoñibles para manter as reunións necesarias nas mesas de negociación para avanzar con urxencia na implementación destas medidas.