CCOO denuncia a modificación da RPT do Concello de Lugo
A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) no Concello de Lugo denuncia "a modificación da relación de postos de traballo (RPT) por parte do Goberno local mediante a publicación dunha corrección de erros no Boletín Oficial da Provincia (BOP)". "Dado que os cambios afectan ao contido de diferentes postos -xefaturas de negociado e xefes de grupo-, é un requisito legal imprescindible levar a proposta á mesa xeral de negociación" sinalaron.
Desde CCOO lembran que "a RPT está vixente desde hai un ano -acordo do Goberno local do 15 de xullo de 2020 e posteriormente do 13 de xaneiro de 2021- e que non se pode despachar como unha simple corrección de erros no BOP".
O sindicato entende que a modificación vén dada polo "concurso de provisión definitiva dos postos de traballo que están ocupados de forma irregular, de aí que se publiquen os cambios cando a RPT xa leva un ano en vigor".
"Se o Concello detectou estes erros mediante os recursos que recibiu, debería modificar todos os postos que están na mesma situación, ademais de crear cincuenta postos de segunda actividade de bombeiros", apunta a sección sindical de CCOO.
Á luz dos feitos, CCOO coida que "dende o Goberno local están a actuar de mala fe na xestión dos recursos humanos municipais, vulnerando os principios que rexen a negociación colectiva". Por esta razón, piden a "suspensión cautelar do concurso de provisión destes postos ata que se resolva a demanda".