CCOO denuncia a "privatización encuberta" da xestión do ciclo da auga en Lugo

LugoXa
O sindicato critica a falta de persoal necesario, o que dificulta o traballo e a atención que se debe ofrecer á cidadanía
auga-billa-grifo
7 Feb 2025

A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo denuncia a "privatización encuberta" da xestión do ciclo da auga por parte do goberno local.

Despois de denunciar durante meses a situación da Brigada de Augas, o sindicato alerta agora sobre o "grave momento" que está a atravesar a Unidade Administrativa de Augas.

Neste servizo, dos nove postos previstos na relación de postos de traballo, só dous están cubertos, o que CCOO cualifica como "inaceptable", xa que sobrecarga ao persoal existente e prexudica o servizo que se lles presta ás veciñas e veciños de Lugo.

A Unidade Administrativa de Augas encárgase de tarefas clave, como a xestión de padróns, que non se poden atrasar por ter prazos fixos; atención diaria aos contribuíntes, reclamacións, fianzas ou lecturas de contadores.

O sindicato critica a falta de persoal necesario, o que dificulta o traballo e a atención que se debe ofrecer á cidadanía.

Para CCOO, a "precaria" situación deste servizo, xunto coa falta de persoal "crónica" da Brigada de Augas, responde a unha "estratexia deliberada para xustificar unha privatización mediante a encomenda a unha empresa externa".

De feito, a finais do ano pasado, o goberno contratou unha empresa externa para reparar avarías, en vez de dotar á Brigada de Augas do persoal necesario para cubrir as súas funcións.

"A auga é un dereito fundamental e a súa xestión debe ser pública e de calidade", defenden desde CCOO, que tamén reclaman "coherencia" ao goberno local de Lugo, subliñando que "non se entende que un goberno de esquerdas maltrate ao persoal e queira privatizar un servizo esencial" como é a xestión do ciclo da auga.

0.17298483848572