CCOO denuncia a situación crítica da Escola Infantil Gregorio Sanz ante a Valedora do Pobo

CCOO de Lugo presentou dúas denuncias formais ante a Valedora do Pobo ante a situación de emerxencia que se vive na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz. Segundo o sindicato, o Concello de Lugo é responsable do abandono das instalacións e permite un acoso laboral ás educadoras, recoñecido nun informe municipal que acabou arquivado pola propia administración.
No primeiro escrito, CCOO reclama o fin inmediato dunha situación que consideran límite e indigna, na que nenos e nenas de 0 a 3 anos se atopan expostos a condicións insalubres e perigosas. O edificio de madeira presenta goteiras, humidades, chan levantado e temperaturas extremas, que oscilan entre os 11 graos no inverno e máis de 30 no verán, afectando a espazos onde os bebés xogan e dormen. A climatización, prometida durante anos, segue sen instalarse.
Segundo o sindicato, a inacción é deliberada, xa que Concello, Inspección e Xunta teñen coñecemento da situación a través de informes, correos e denuncias das propias familias, que xa acudiran á Inspección hai sete anos sen que se produciran cambios.
A segunda denuncia presentada por CCOO refírese ao acoso laboral impune que sofren as educadoras. Tres anos despois de que un informe municipal recoñecese esta situación, as traballadoras continúan sen protección, nun entorno xa de por si degradado.
CCOO subliña que non tolerará máis riscos para a saúde dos nenos, vulneración de dereitos laborais nin desleixo institucional, e solicita á Valedora do Pobo que esixa responsabilidades e obrigue ao Concello de Lugo a actuar de inmediato.