CCOO denuncia a vulneración da liberdade sindical na residencia da Fonsagrada
Comisións Obreiras (CCOO) de Lugo denunciou hoxe unha presunta vulneración da liberdade sindical na empresa Residencia Santa Lucía da Fonsagrada. O colectivo sindical asegura que a empresa despediu a unha traballadora presentada para as eleccións de delegada de persoal e consideran que isto demostra “a faltade de vontade negociadora por parte da empresa e a súa evidente hostilidade cada este proceso de eleccións”.
Segundo indica CCOO, a traballadora foi despedida un día despois do preaviso de eleccións e da presentación da súa candidatura, argumentando unha falta disciplinaria “da que ata o momento do preaviso das eleccións non tiña relevancia algunha ante a empresa, como recollen as conversas previas entre as partes implicadas”.
CCOO critica a actuación da empresa ante a vulneración da liberdade sindical cara ás traballadoras xa que, aseguran que “dende o primeiro momento que se iniciou o proceso de eleccións sindicais, comezaron as coaccións e ameazas por figurar nunha candidatura de CCOO, continuando a día de hoxe”.
Unhas prácticas que o sindicato considera “abusivas” e que xa foron denunciadas ante Inspección de Traballo. Igualmente, o proceso electoral foi impugnado ante a Xunta de Galciia ao excluír á traballadora despedida do censo. “Cuestión que xa foi resolta favorablemente para CCOO nun laudo arbitral, obrigándolle á empresa a incluíla como electora e elixible neste proceso”.
PRECARIEDADE LABORAL
Así tamén CCOO pon de manifesto a “precariedade laboral” á que están sometidas as traballadoras que ata agora non deran o paso de loitar polos seus dereitos e foron obxecto de cambios de categorías profesionais inferiores coa correspondente baixada de soldo e desempeñando funcións que non lles corresponden, o igual que asinar nóminas por importes superiores do que lles pagaban, non respectar as xornadas laborais e moito menos os descansos establecidos no convenio colectivo.
“Ante tales abusos laborais e a negativa da empresa a negociar unhas condicións básicas e dignas negándose sistematicamente a cumprir co convenio colectivo que lles corresponde, as traballadoras decidiron dar o paso de exercer a súa liberdade sindical, custándolles así a unha o posto de traballo e o resto unha situación intolerable de acoso laboral por parte da empresa”, explican.
Por último, CCOO advirte de que “non deixaremos de chamar as cousas polo seu nome”, e de seguir a empresa boicoteando o proceso electoral e non respectar as normativas vixentes tanto en materia laboral como de saúde pública, CCOO convocará concentracións proximamente diante deste centro de traballo para dar a coñecer a toda a poboación as súas deficiencias e neglixencias.