CCOO denuncia favoritismo no Concello de Lugo e esixe a dimisión de Ana González Abelleira

A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo vén de expresar publicamente a súa “profunda indignación e firme rexeitamento” tras a aprobación unilateral da reclasificación da Banda de Música ao grupo C1, acordada polo Goberno local durante a Mesa de Negociación celebrada o pasado 30 de xullo.
O sindicato cualifica a decisión como “imposta” e acusa o Executivo municipal de “burla intolerable á representación sindical” e de vulnerar os principios básicos da negociación colectiva. Segundo CCOO, o Goberno negouse incluso a someter a votación a súa propia proposta, argumentando que a mesa era un “mero trámite informativo para os sindicatos”.
Para CCOO, o acontecido non foi unha negociación real, senón a “ratificación dun acordo xa pechado, sen marxe para o diálogo nin para a incorporación das demandas dos distintos colectivos afectados”, o que consideran un “escandaloso favoritismo” e unha “falta de respecto polos dereitos do persoal municipal”.
Ante esta situación, CCOO esixe a “dimisión inmediata” de Ana González Abelleira, á que acusan de mostrar “incapacidade para exercer un cargo que require altura de miras, diálogo e responsabilidade institucional”.
O sindicato lembra que existen moitos outros postos no Concello que tamén requiren revisións e reclasificacións, pero que levan anos “agardando unha resposta”. Critican que a Relación de Postos de Traballo (RPT) non se actualiza desde 2020, a pesar de que se considera “viva e dinámica”, e denuncian a presentación dun novo Plan de Recursos Humanos exclusivo para a Banda de Música mentres o plan xeral segue sen aplicarse ao resto do persoal.
Durante a sesión, CCOO tamén preguntou por cuestións fundamentais como a implementación da carreira profesional, o impacto dunha sentenza do Tribunal Supremo que podería afectar ás OEP municipais, a situación dos concursos de traslados, a funcionarización e o Plan de Igualdade. A resposta recibida, segundo o sindicato, foi un escueto “estámolo estudando”, que cualifican de mostra clara da “falta de vontade política para mellorar as condicións laborais do persoal”.
CCOO considera que estas actuacións responden a un patrón “de opacidade, improvisación e trato de favor” incompatible cunha administración “democrática, transparente e xusta”. Afirman que “as cloacas da política local seguen activas” e que existen “pactos escuros que privilexian a uns poucos en detrimento do interese xeral”.
“O persoal está farto de tomaduras de pelo”, conclúen, esixindo “negociacións reais, abertas e xustas, respectando os dereitos de todas as traballadoras e traballadores do Concello, sen excepcións nin privilexios”.
“Seguimos loitando. Seguimos denunciando. Seguimos defendendo”, rematan desde o sindicato.