CCOO esixe a dimisión de Ana Abelleira como concelleira de Persoal

A Sección Sindical de Comisións Obreiras no Concello de Lugo denunciou a situación de “deterioro e descontrol” que afecta ao Departamento de Persoal municipal, cuxo funcionamento se atopa, segundo destacan, “nunha crise sen precedentes pola falta de planificación, transparencia e diálogo coa representación sindical”.
Nos últimos meses, o servizo acumulou “decisións arbitrarias e irregularidades que comprometen a legalidade da actuación administrativa e os dereitos do persoal”.
O último episodio, o cesamento de persoal interino en praza vacante de carácter estrutural, produciuse sen causa legal nin informe técnico que o amparase, vulnerando o Estatuto Básico do Empregado Público. A medida tivo que ser rectificada tras a intervención de CCOO, evidenciando unha actuación improvisada e carente de rigor.
O Departamento de Persoal, baixo a responsabilidade política da concelleira Ana Abelleira e a dirección técnica da Xefa de Sección de RRHH, “acumula conflitos e deficiencias que paralizan a xestión municipal”, explican, e poñen como exemplo o bloqueo da Relación de Postos de Traballo, a falta de transparencia nas mesas de negociación, reparos de legalidade reiterados sobre horas extraordinarias, deficiencias en prevención de riscos e saúde laboral e perda de confianza interna no propio servizo.
Para CCOO, esta situación evidencia unha “grave perda de capacidade de xestión e responsabilidade política, deteriorando o clima laboral e poñendo en risco o normal funcionamento da administración local”.
Por iso, o sindicato esixe a inmediata dimisión de Ana Abelleira como concelleira de Persoal, a apertura dun expediente de depuración de responsabilidades á Xefa de Sección de RRHH e a adopción de medidas urxentes para restaurar o funcionamento normal do departamento, reforzar os mecanismos de control interno e establecer un marco estable de diálogo cos representantes do persoal.