CCOO esixe o recoñecemento "urxente" das funcións dos profesionais da Escola Municipal de Música

LugoXa
Desde a súa creación no 2012, a xestión da escola estivo a cargo dos profesionais da Banda Municipal de Música, quen, ademais, asumiron a docencia e a xestión administrativa do centro
Banda-de-Música-de-Lugo
22 Nov 2024

A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo esíxelle ao Goberno local o recoñecemento "urxente" das funcións dos profesionais da Escola Municipal de Música (ESMU).

Na mesma liña, o sindicato pide modificar a relación de postos de traballo (RPT), "xa que a actual non permite valorar axeitadamente os docentes, situados desde hai anos nunha categoría profesional inferior á súa titulación e non concordante coas funcións desempeñadas" sosteñen.

Desde a súa creación no 2012, a xestión da escola estivo a cargo dos profesionais da Banda Municipal de Música, quen, ademais das súas responsabilidades artísticas, asumiron a docencia e a xestión administrativa do centro, cumprindo cos requisitos académicos necesarios, como a posuír o título de profesor de música.

"Malia o seu esforzo e dedicación, a administración local non recoñeceu adecuadamente o seu labor labor, o que levou a unha crecente frustración e desmotivación", apunta CCOO.

No ano 2020 aprobouse a RPT, que debería ser unha ferramenta viva e adaptada ás necesidades do servizo. Porén, no documento non se recolleron axeitadamente as funcións docentes na ESMU, circunstancia que o Concello argumentou en base a unha sentenza xudicial.

Con todo, o Pleno local aprobou no 2022 un acordo unánime para permitir que os músicos da Banda, encadrados no grupo C2, poidan ascender a unha superior.

Non obstante, o acordo nunca se chegou a materializar, malia que noutras localidades ese persoal está no grupo A2, igual que os músicos das principais bandas profesionais.

Nos últimos meses, os docentes comunicaron que non están dispostos a asumir máis responsabilidades directivas, pero a resposta do Concello foi ameazar con nomear a nova directiva por decreto, contravindo incluso o regulamento de funcionamento da propia escola, que establece que debe ser elixida en claustro.

CCOO considera que este proceder é un "claro abuso de poder e un desprezo aos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras, que estiveron realizando as súas funcións con profesionalidade e dedicación, convertendo a ESMU nun referente cultural e educativo, preto de 1.500 matrículas anuais e máis de 10.000 persoas nos seus concertos didácticos", conclúen.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19363689422607