CCOO esixe que José Tomé abandone todos os seus cargos públicos

A Unión Comarcal de CCOO en Lugo e a Sección Sindical do sindicato na Deputación expresaron o seu apoio ás mulleres que denunciaron internamente no PSOE presuntas situacións de acoso sexual. A central sindical destacou a valentía das afectadas e lembrou que ningunha traballadora debería afrontar escenarios de intimidación, presións ou supostos intercambios de favores de natureza sexual a cambio dun posto de traballo.
O sindicato mostrou tamén profunda preocupación polo feito de que, sempre segundo estas publicacións, dirixentes socialistas como Lara Méndez, José Ramón Gómez Besteiro e Pilar García Porto puideran ter coñecemento previo das advertencias sobre estas condutas, sen activar mecanismos de protección ás presuntas vítimas nin unha reacción política proporcionada á gravidade das acusacións.
A dimisión presentada por Tomé como presidente da Deputación —mantendo porén a acta provincial e a Alcaldía de Monforte— é considerada por CCOO como insuficiente para recuperar a confianza institucional. Por iso, a organización pide que abandone todos os seus cargos mentres non conclúan os procedementos internos e as investigacións correspondentes.
CCOO reclamou ademais ao PSdeG que poña fin ao “silencio atronador” que, a xuízo do sindicato, mantén desde que se fixeron públicas as denuncias. A dirección do partido, afirma, debe ofrecer explicacións, asumir responsabilidade política e actuar con claridade e firmeza, porque “o silencio tamén pode ser unha forma de complicidade”.
O sindicato considera igualmente grave que o BNG, socio de goberno na Deputación, manteña os pactos que permitiron a continuidade da institución, mesmo cando determinadas votacións poderían depender dun deputado que abandonou o PSOE pero continúa sinalado polas denuncias internas.
Por este motivo, CCOO formula a mesma cuestión para socialistas e nacionalistas: se están dispostos a sosterse politicamente no voto dun representante afectado por acusacións tan graves, e se ese é o modelo de exemplaridade que ambos aseguran defender.
“As ansias de poder non poden estar nunca por riba dos valores e dos principios que se lle presupoñen a quen ocupa un cargo público”, afirma CCOO, que pecha a súa declaración cunha mensaxe inequívoca de “tolerancia cero co acoso, co silencio e coa complicidade institucional”.